Ago
30
A Volta pasa pola Estrada
Categorías: Deporte | 2 comentarios
Os afeccionados ao ciclismo da Estrada, que son moitos, poderán desfrutar este domingo do paso dos ciclistas que participan na Volta Ciclista a España. Como xa saberedes a Volta arranca desde Vigo este sábado e a segunda etapa, que sae de Allariz, ten prevista o seu paso polo noso concello sobre as 16 horas do domingo, que pasará por Codeseda, Avda. Benito Vigo e Avda. de Santiago en dirección Pontevea para rematar finalmente en Santiago.
Así que non estaría demais ir a animar a estes corredores cuxo deporte non está a pasar por un bo momento precisamente, debido aos caso de doppaxe que se están descubrindo a cada pouco.
Ago
28
As afeccións de López
Categorías: PP, Vídeo | 8 comentarios
Vemos no blog de Pablokani unha foto moi curiosa: López, Concelleiro do PP na Estrada, foise de corrida de touros a Pontevedra. Non sabemos se foi para aprender a dar uns “campotazos” e aplicalos logo á política interna do seu partido na Estrada ou para ver como se esquivan as cornadas. Claro que… debería ter coidado non vaia ser que lle corten as orellas e o rabo.
Bromas aparte, e alá cada quen cos seus gustos e afeccións, que neste caso non compartimos en absoluto, deixamos a continuación un vídeo que amosa a parte que normalmente obvian os medios de comunicación que retransmiten este tipo de “espectáculos”(?). Advertimos que as imaxes non son agradábeis precisamente, pero así son as corridas de touros.
Ago
25
Chega R
Categorías: A Estrada Dixital, Concello, PSOE | Fai un comentario
O Concello, segundo se desprende da noticia que aparece hoxe no Faro de Vigo, quere axilizar a concesión da licenza de obra á compañía de fibra óptica R, que proporcionará servizo de internet de banda ampla ao casco urbano, quedando coma sempre o rural a velas vir.
Desde logo isto é unha boa noticia para boa parte do Concello, sobre todo o casco urbano (coma sempre o rural quedará á marxe), que poderán elixir entre varios operadores que proporcionan servizo de acceso a internet de banda ampla. Agora ben, isto tamén irá en detrimento de A Estrada Dixital que verá mermada a súa cuota de mercado, xa que, aínda que si que ten un prezo competitivo, non ofrece a calidade de servizo destes operadores, sobre todo se non fai as modificacións técnicas necesarias na rede para que funcione de xeito óptimo, e evitar deste xeito os problemas nas comunicacións que se están apreciando na actualidade, que levou ao aprazamento en máis dunha ocasión da plena entrada en funcionamento da rede de A Estrada Dixital, que recordemos, a última previsión da posta en funcionamento pleno fíxose para este mes de setembro, tal e como anunciou nos medios Dono e o Concelleiro de Cultura, Obelleiro, hai uns meses.
Ago
24
Trampolín da Rocha
Categorías: con_moita_calma | 1 comentario
Se as obras de acceso a autopista Santiago-Ourense en Orazo foron sempre fonte de polémica e problemas, e por suposto, o acceso a Orazo pola vía A Estrada-Silleda tamén o é. Se baixamos pola Rocha, no citado cruce atopámonos cunha parede trampolín que seguro causou máis dun susto aos condutores que baixan por esta estrada, xa que este muro está xusto á saída dunha curva. Agora puxéronlle uns conos, pero iso non evita o susto, que sería un mal menor, ou as consecuencias dunha posible saída da vía. En fin, … o que mal empeza mal acaba.
Ago
17
Non hai pasta para a Torre de Guimarei
Categorías: Cultura, Patrimonio | 5 comentarios
Tendo en conta o nivel de endebedamento do Concello, non é ningunha sorpresa que se nos anuncie que non hai cartos para exercer o dereito de retracto amparado na recente sentenza do Tribunal Supremo para que o Concello merque a Torre de Guimarei. Dono e Obelleiro (Concelleiro de Cultura) terán que petar nas portas das Consellerías, dos Ministerios, Deputación e algún banco para conseguir os cartos necesarios para comprar a Torre de Guimarei.
Faro de Vigo: El gobierno de A Estrada busca financiación urgente para adquirir la Torre de Guimarei
El Correo Gallego: Buscan financiación para la torre de Guimarei
Ago
12
A Torre debe ser de todos
Categorías: Concello, Patrimonio | 6 comentarios
Coñecido o fallo do Tribunal Supremo sobre a Torre de Guimarei, que permite ao Concello exercer o seu dereito de retracto, isto é comprala para uso público, non podemos senón congratularnos da noticia e animar ao goberno municipal a adquirir este ben de interese cultural, un dos poucos que xa quedan no noso Concello e que actualmente está a monte e sen coidado algún por parte do particular que ten a propiedade neste intre.
Desde logo ao Goberno Municipal non lle van faltar apoios políticos, -todos os grupos da oposición xa manifestaron a súa opinión ao respecto-, e tampouco veciñais para recuperar un dos recintos emblemáticos da Estrada. Agora ben, se o PSOE decide mercar a Torre de Guimarei, esperemos que sexa para facer algo positivo con ela (rehabilitala e recuperala para uso e disfrute dos veciños e turistas), e non para deixala a monte outros tantos anos máis.
——-
Carlos Zal Cabanas, arquitecto técnico especialista no Pazo e na Torre de Guimarei: ´O custe non debe impedir mercar a torre e o pazo´
Ago
10
GZnación.com entrevista a Dono
Categorías: BNG, PSOE | 3 comentarios
O xornal dixital e nacionalista GZNación.com fíxolle unha entrevista a Dono. Da entrevista non se desprende nada que non dixera Dono con antelación, pero salientamos tamén o titular do xornal: “O acordo marco entre PSOE e BNG estaba máis pensado para o goberno da Xunta e non é obrigatorio cumprilo punto por punto en cada Concello” Se fora así como di Dono o PSOE e o BNG non se pasaría días e días facendo un acordo que non serve para nada, non?
Ago
6
Cambios no PP da Estrada?
Categorías: PP | 17 comentarios
Certa perplexidade nos causou o silencio de De la Calle no pasado pleno. No seu lugar falou López, unha das persoas que se barallaban como o candidato do PP para as pasadas eleccións municipais, e que tamén interveu no pleno extraordinario celebrado a finais de xullo. Independentemente doutras consideracións, o que si é certo, é que López ten máis soltura nas súas intervencións, debida quizais a súa experiencia na política local. Se estamos ante un relevo no PP local o tempo o dirá.
Ago
3
Pleno do 3 de agosto
Categorías: Pleno | Fai un comentario
Foi un pleno rápido que apenas durou unha hora. Das cuestións a tratar había varias desafectacións de camiños, un deles o de Moreira. Unha das cuestións de certa relevancia é a aprobación da delimitación duns 30 núcleos rurais que, a partires da saída no BOP abrirase o prazo para presentar alegacións. Neste apartado tomou a palabra o BNG que solicitou maior celeridade na na aprobación do PXOM e na resolución dunhas catro alegacións á delimitación do primeiro grupo de núcleos rurais, pendentes aínda de resolver, logo de que xa rematara o prazo para presentalas. Dono respondeu que coincidía en que o PXOM era un tema vital e que en breve prazo manterá unha reunión con todos os grupos políticos para ver de encauzar o tema. O tema dos 30 núcleos rurais solventouse co voto unánime de todos os grupos.
A continuación presentouse para a súa aprobación un expediente de crédito para pagar facturas atrasadas. Neste apartado o BNG que votara en contra na comisión cambiou o seu voto pola abstención, xa que, como anunciou Raquel López Doce, o PSOE non tiña a culpa de que houbera facturas tan atrasadas sen pagar.
No apartado de mocións, o PP tomou a palabra por primeira vez, neste ocasión por boca de López, que solicitou a inclusión de determinadas infraestruturas e obras no Plan de Reequilibrio Territorial de Galicia (autovía Santiago-A Estrada, traída de augas do Umia, etc). Espiño tomou a palabra solicitando que o tema se tratara en comisión. Votouse a urxencia, e o PSOE, perdeu a votación, pois votaron a favor o PP, BNG e CIDEGÁ. Aprobada a urxencia López reitera os argumentos expresados para defender a moción oral. O BNG pola súa parte xustifica o voto favorable da urxencia para coñecer polo miúdo a moción, pero á vista das carencias da mesma, pois consideraba que faltaban cousas, solicitoulle que pasara por comisión para incluir outras obras e infraestruturas que o BNG tamén consdiera importantes. Reboredo, pola súa parte, reitera o dito polo BNG, e coinciden todos en pasar por comisión a moción.
Se se nos permite, consideramos que López non estivo fino. O PP presentou a moción claramente buscando un titular, e quedouse a medio camiño.
Ago
3
Menudo chollo os 2.500 euros
Categorías: Sanidade | 1 comentario
Hai uns días saíu na prensa que no ambulatorio da Estrada non se ofertaba o servizo de matrona debido ás vacacións dunha e a baixa doutra, e ambos os dous postos non foron cubertos como, por desgraza, é habitual na sanidade pública.
Así as cousas, xa non temos tan claro que os 2.500 euros, que o Goberno Central dará a cada fillo nacido, sexan un chollo para os pais, tendo en conta os deficientes servizos públicos que se lles presta (peche de centros médicos, vacacións que non se cubren, etc); empezando polo servizo sanitario en xeral, seguimos polas garderías, os colexios, os horarios dos colexios, … e un longo etcétera de cuestións que non fan doado a decisión de ter un fillo, xa que ao final, os 2.500 euros non chegan nin para empezar.
Por iso pensamos que o chollo dos 2.500 euros non é para os pais, senón para o Goberno: por un lado o anuncio desta medida serviulle a Zapatero para gañar o debate do estado da nación, e por outra, o Estado, a administración en xeral, afórrase en ofrecer servizos aos contribuíntes. Así calquera.
