Patrimonio non acepta o proxecto da traía do Umia presentado polo Concello e terá que facerlle reformas, presumiblemente para no prexudicar a Presa de Leira, que como sabedes conta cun pequeno acueduto de aproximadamente 500 anos, seguramente un patrimonio descoñecido por moitos estradenses.

Acueduto de Leira

Máis fotos (gracias Xoan!!):

Presa de Leira

Non é algo novo, nin de hai uns cantos anos. Na Estrada sempre houbo unha serie de grupos musicais do máis variado. Agora toda esta enxurrada de grupo plasma as súas composicións nun CD que se poñerá a venda o sábado 17: Pé na Estrada. E ese mesmo día tamén haberá un concerto dalgúns deles: Esquíos, Vael, Extridentes e Diskordia. A parte destes hai máis, que como Nao, estanse a facer un oco no panorama musical galego. Tamén os hai consagrados como Galegoz ou Matraca Perversa. Dentro dos panorama máis folk: Linho de Cuco, Pé de boi, …

Onte iniciouse un novo xuízo contra a comisión de goberno do último goberno municipal do PP. No xulgado estaban citados Ramón Campos, José Antonio Maceira, Ana Constenla, Manuel Somoza, Manuel Arca, José Manuel Reboredo e José López que están acusados dun presunto delito de prevaricación urbanísticas por conceder catro licenzas de ocupación, que non se axustan ao proxecto inicial.

Os acusados defendéronse do mesmo xeito que saíron indemnes da súa última aventura xudicial, na que estaban inmersos boa parte dos acusados hoxe por AEDRU: recoñecen pequenos desaxustes sobre os proxectos, pero que non afectan a terreos públicos ou zonas verdes, ademais, subliñaron que non actuaron con mala fe.

Habendo xa un precedente, xa imaxinamos cal vai ser a sentenza deste novo xuízo.

Un dos proxectos máis importantes que ten o goberno galego para A Estrada, a Cidade do Moble, atópase nos últimos trámites administrativos antes da súa aprobación definitiva. Hoxe sae nos medios locais que a Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, e que nos últimos días tivo un protagonismo especial polas Normas de Hábitat Galego, non moi ben recibidas por unha parte dos seus socios de gobernos, remitiu ao Concello a Modificación Puntual do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia para a inclusión da Cidade do Moble da Estrada nas súas actuacións así como o Informe de Sostenibilidade Ambiental, o Proxecto Sectorial da Cidade do Moble da Estrada e o Estudo de Impacto Ambiental do Proxecto Sectorial da Cidade do Moble da Estrada. Todos estes documentos estarán expostos durante 2 meses durante os cales se poderán presentar alegacións, tendo un mes a administración para contestalos.

Recordar que a Cidade do Moble estará situada na parroquia de Lagartóns, onde hai asentadas preto de 20 empresas, relacionadas na súa maior parte co sector do moble, e todas elas fora de ordenación. Recordar tamén que contra este proxecto hai unha certa contestación social, aglutinados en torno á Asociación Val do Liñares, opostos á ubicación da Cidade do Moble neste lugar.

Gracias á aportación dun dos noso visitantes habituais do Ruxe, Xoan, chegounos por correo electrónico unhas fotos que mostran o estado no que se atopan os muíños de Barbude, que hai uns meses foron a visitar unha comitiva de políticos locais e autonómicos.

Subliñar en primeiro lugar que a responsabilidade primeira da limpeza do lugar corresponde a todos, a todos os que visitan o lugar e algúns desalmandos pensan que aquelo é unha escombreira. En segundo lugar a responsabilidade, se falla a primeira, corresponde ás autoridades locais manter limpo un lugar de indubidable interese turístico.

Orzamento do Concello
Onte aprobouse, nunha sesión excesivamente longa, o orzamento do Concello. Non houbo sorpresas e quedou aprobado por maioría absoluta, votando en contra o PP e CIDEGÁ.

Os orzamentos do Concello ascenden a 11.600.000 euros, cun incremento do 8,10% a respecto do orzamento do ano anterior, dedicándose o 6,76% a gastos de persoal, 17,37% a gastos correntes, entre o que se atopa a Escola Obradoiro e gastos en servizos sociais, tamén se subliñou que no apartado de investimentos haxa 997.000 euros de fondos propios fronte aos 93.000 do ano 2007. Algo que tamén destacou a Concelleira de Facenda, Isabel Ruíz, foi que non se incrementaba a presión fiscal sobre os cidadáns.

A oposición, tanto PP como CIDEGÁ, tiraron de hemeroteca para criticar ao goberno cos mesmos argumentos que estes utilizaron para criticar os orzamentos de 2007: incremento do casto corrente, non hai aforro, aumento de plantilla, … subliñando as incoherencias que segundo eles incorrían tanto PSOE como BNG.

Así, logo dun intenso e longo debate, onde López, portavoz do PP, se estendeu máis alá do desexable, aprobouse o orzamento que rexerá o destinos dos cartos públicos neste ano 2008.

Cadro de persoal
Aínda que durante o pleno saíu a colación o tema do incremento da plantilla do concello, creándose a praza de arquitecto e outra de cargo de confianza, tivo neste punto o seu tratamento monográfico. Neste caso Espiño, portavoz do PSOE, xustificaba a praza de arquitecto no incremento de traballo no departamento de urbanismo e na capacidade de recadación que este tivo durante os últimos meses; a respecto da praza de confianza (secretaria do Alcalde), Espiño destacou que das dúas que había unha delas está destinada na biblioteca para cubrir a ampliación de horarios da biblioteca e outras actividades de tipo cultural, facéndose necesaria a cubrir este posto con outra persoa.

PP e CIDEGÁ pola súa parte criticaron que antes de crear a praza había que facer unha relación de postos de traballo do Concello para ver onde quedaba frouxa a plantilla. A respecto da praza de arquitecto o PP subliñou que o actual equipo técnico eran sobradamente capaces de sacar o traballo adiante, criticando que estean pechados a “a cal y canto”. CIDEGÁ pola súa parte tamén se mostrou sorprendido polo da ampliación de horario da biblioteca como xustificación da praza de secretaria, emprazando a Espiño a demostrar cal é ese horario ampliado.

O sábado pasado saía nos medios a rolda de prensa que deron conxutamente Gonzalo Constenla, Delegado da Consellería de Medio Rural, e Raquel López Doce, 1ª Tenente de Alcalde, para dar a coñecer os investimentos da Consellería de Medio Rural na Estrada nestes dous últimos anos (2007-2008) ascendía a máis de 6.000.000 euros, cuxa cifra se elevará a máis 20 millóns contando dende o agosto de 2005 a finais de 2008.

Todos estes cartos repártense en distintos proxectos, como a Cooperativa Monte Cabalar, concentracións parcelarias como a de Condeseda, Arca e Monte Val de Vea II, distintas obras de acondicionamento de camiños (Requián, Frades, San Xiao de Vea, Cora, Santo André de Vea, Ancorados, Guimarei, Somoza, …) e doutras infraestruturas como a ponte de Xerlís en Guimarei, así como a traidas de auga e acodicionamento de presas de rego.

Sen dúbida 20 millóns de euros é unha cifra sen precedentes na Estrada, que traducido a pesetas son máis de 3.300 millóns, e que axudarán a paliar a sequía dos últimos anos.

No chuza vemos unha reportaxe que fixo El Correo Gallego á Cooperativa Monte Cabalar, que agrupa a máis de 300 socios, todos das parroquias de Somoza, Tabeirós, Nigoi e Arca, que aportaron as súas terras, e tamén cartos, para explotar esas terras e onde o gando (vacas, cabalos e cabras) representa a produción principal, aprovetando os pastos, mantendo limpo o monte.

A Cooperativa naceu en 2006 froito dun convenio de 860 mil euros coa Consellería de Medio Rural, e trátase dun dos proxectos singulares que apoia este organismo autonómico, e este estase levando a cabo, aquí, na Estrada.

Por que e para que

O mesmo que antes nos xuntabamos para facer traballos comunitarios –mallas, esfollas, rabaños en veceira…–, xuntámonos agora nunha cooperativa de explotación comunitaria da terra, superando o individualismo e o minifundio, o abandono e a derrota, tornando produtivos e revalorizando os nosos montes para afrontar as tendencias do mercado e acadar unha xestión competitiva e sustentábel a través da xestión integrada nunha única explotación de milleiros de leiras” .