Mai
6
Pleno do 5 de maio
Categorías: BNG, Cidadáns por Galicia, Orzamentos, PP, PSOE | 15 comentarios
Orzamento do Concello
Onte aprobouse, nunha sesión excesivamente longa, o orzamento do Concello. Non houbo sorpresas e quedou aprobado por maioría absoluta, votando en contra o PP e CIDEGÁ.
Os orzamentos do Concello ascenden a 11.600.000 euros, cun incremento do 8,10% a respecto do orzamento do ano anterior, dedicándose o 6,76% a gastos de persoal, 17,37% a gastos correntes, entre o que se atopa a Escola Obradoiro e gastos en servizos sociais, tamén se subliñou que no apartado de investimentos haxa 997.000 euros de fondos propios fronte aos 93.000 do ano 2007. Algo que tamén destacou a Concelleira de Facenda, Isabel Ruíz, foi que non se incrementaba a presión fiscal sobre os cidadáns.
A oposición, tanto PP como CIDEGÁ, tiraron de hemeroteca para criticar ao goberno cos mesmos argumentos que estes utilizaron para criticar os orzamentos de 2007: incremento do casto corrente, non hai aforro, aumento de plantilla, … subliñando as incoherencias que segundo eles incorrían tanto PSOE como BNG.
Así, logo dun intenso e longo debate, onde López, portavoz do PP, se estendeu máis alá do desexable, aprobouse o orzamento que rexerá o destinos dos cartos públicos neste ano 2008.
Cadro de persoal
Aínda que durante o pleno saíu a colación o tema do incremento da plantilla do concello, creándose a praza de arquitecto e outra de cargo de confianza, tivo neste punto o seu tratamento monográfico. Neste caso Espiño, portavoz do PSOE, xustificaba a praza de arquitecto no incremento de traballo no departamento de urbanismo e na capacidade de recadación que este tivo durante os últimos meses; a respecto da praza de confianza (secretaria do Alcalde), Espiño destacou que das dúas que había unha delas está destinada na biblioteca para cubrir a ampliación de horarios da biblioteca e outras actividades de tipo cultural, facéndose necesaria a cubrir este posto con outra persoa.
PP e CIDEGÁ pola súa parte criticaron que antes de crear a praza había que facer unha relación de postos de traballo do Concello para ver onde quedaba frouxa a plantilla. A respecto da praza de arquitecto o PP subliñou que o actual equipo técnico eran sobradamente capaces de sacar o traballo adiante, criticando que estean pechados a “a cal y canto”. CIDEGÁ pola súa parte tamén se mostrou sorprendido polo da ampliación de horario da biblioteca como xustificación da praza de secretaria, emprazando a Espiño a demostrar cal é ese horario ampliado.
Abr
29
Os orzamentos casi listos
Categorías: BNG, Cidadáns por Galicia, Orzamentos, PP, PSOE | 3 comentarios
Os orzamentos da Estrada, os primeiros do bipartito están casi listos e aprobaranse no próximo pleno ordinario que será o luns 5 e non o venres 2 de maio.
O grupo de goberno evidentemente defende os orzamentos. O PP di que son un desastre e polo tanto non van facer ningunha emenda. Cidegá, máis construtivos, todo hai que dicilo, vincula o seu apoio a estes orzamentos á inclusión nos memos de dous proxectos: a Cidade Social e a remodelación da praza de abastos. Ambos proxectos discutibles, pero non se pode negar que polo menos fan aportacións, e non como López, que só presume dos seus coñecementos de economía, pero ideas para mellorar os orzamentos, cero.
Abr
22
Os orzamentos: entre lusco e fusco
Categorías: BNG, Cidadáns por Galicia, Concello, Orzamentos, PP, PSOE | 1 comentario
Como ocorre en todos os foros o proxecto de orzamentos sempre se ve diferente dependendo lado de onde un estea. É labor do goberno de elaborar uns orzamentos en función das necesidades reais, moitas desas necesidades son herdadas, e é labor da oposición remexer nos números e dicir que eles o farían mellor.
O orzamento deste ano é de 11.600.400 euros. A partida de persoal é de 3.744.000 euros e a de bens e servizos é de 4.735.000 euros, entre os que se atopan o obradoiro de emprego, apartados dependentes de servizos sociais, etc. Por outra banda, haberá 1.331.000 euros no capítulo de inversión, dos que quedan fóra 620.000 euros dos plans plurianuais da Deputación de Pontevedra. Finalmente o aforro neto será de casi un millón de euros, 997.000 euros.
Estes son máis ou menos os datos. A oposición debúllaos e califícaos de decepcionantes e dos que sacan a conclusión de que o PXOM non se aprobará este ano. López do PP tirou de informe de intervención e criticou a falta de xustificación de ingresos, a praza do arquitecto, onde detectou certa fricción entre os grupos de goberno, e a concesión de pluses a determinados funcionarios.
Abr
14
Irene carga contra o PP e repasa contas
Categorías: Cidadáns por Galicia, PP, PSOE, PXOM | 8 comentarios
Irene Aguiar, Concelleira de Urbanismo, repasou o venres as contas dos fallidos plans xerais do PP. O último plan, fallido porque a Xunta rexeitouno, custoulle ao erario público estradense 540.000 euros (dos anteriores nada se sabe, pero será unha cifra semellante), ao que lle hai que sumar preto de un millón de euros polas licenzas que se deixaron de conceder. Irene tamén restou importancia á xudicialización dos temas urbanísticos na Estrada por parte do PP.
Reboredo deuse por aludido e deféndese
O Concelleiro de Cidadáns deuse pof aludido e contestou ás palabras de Irene, porque el foi o responsable desta área no anterior mandato do PP. Acusou unha vez máis ao goberno de escurantista por non convocar as comisións de urbanismo, e que, senón se convocan, é para pagar os “soldos políticos”. Recordar, que segundo Irene Aguiar, o PP convocou 250 comisións, o que supuxo 150.000 euros para as arcas municipais, e eles (o PP) tamén tiñan soldos políticos.
Reboredo tamén lle recordou a Irene, en contestación ao gasto dos 540.000 euros, que a decisión de iniciar a redacción do Plan nese período que cita foi tomada por unanimidade, así como a decisión de aprobar 300 permisos e a de pechar o cupo para salvar certas actuacións urbanísticas.
Tamén aproveitou para criticar ao goberno de censura informativa e dixo que el “como miembro de la corporación, seguiré hablando con los técnicos cuando quiera. Si no les gusta, que envíen a la Policía Local a desalojarme“.
O PP pola súa parte pediulle que fale con claridade dos prazos para a aprobación do Plan Xeral.
Abr
9
Reboredo ve improvisación na elaboración do PXOM
Categorías: Cidadáns por Galicia, PXOM | 7 comentarios
Reboredo deu onte unha rolda de prensa que aproveitou para acusar á Concelleira de Urbanismo de improvisación na elaboración do Plan, e pensa que este non se rematará ata dentro dun ano e non outubro ou novembro como di o grupo de goberno. Di que optar pola elaboración do o informe de avaliación medio ambiental é unha conclusión á que chegara el cando gobernaba, en outubro de 2006.
Tamén aproveitou para criticar as presións e o control da información na emisora municipal, así como un constante secuestro de información aos veciños, á oposición” e aos técnicos, que traballan a porta pechada por orde expresa da Concelleira.
Fev
26
O debate
Categorías: BNG, Cidadáns por Galicia, PP, PSOE | 14 comentarios
Onte adiantouse o debate na Estrada. Os catro líderes políticos dos catro grupos políticos foron ao Losada Diéguez a falar de política, e abofé que estaría máis interesante que o soporífero debate de onte pola noite. A iniciativa partiu dos rapaces, a meirade parte sen idade para votar, o cal demostra que a asistencia de Dono, López, Raquel e Reboredo non tiña nada a ver con fins electoralistas e si con achegar a política aos máis novos, algo que a estas alturas da vida simplemente lles resbala, pero sin embargo asistiron, aínda que só se atreveron a facer unha pregunta: “¿A aparición de Cidadáns foi debida ó fracaso do PP?“.
Fev
16
Reboredo ataca
Categorías: Cidadáns por Galicia, Urbanismo | 59 comentarios
Xa tardaba a comparencia perante os medios de José Manuel Reboredo para valorar a sentenza xudicial que o absolveu dun presunto delito de prevaricación urbanística. Finalmente fixo onte, case a oscuras como se fose un testito protexido, acompañado do seu abogado, o fillo de Palmou, e compareceu onte, -supoñemos-, polo fin do prazo legal para presentar o recurso de casación perante o Tribunal Supremo, e non polo BNG, xa que dixo que non o ía presentar, senón porque aínda cabía a posibilidade de que o recorrera o Ministerio Fiscal, que tamén o acusaba, xunto cos outros imputados, dun presunto delito de prevaricación.
Na súa intervención Reboredo atacou a distro e siniestro: ao BNG, ao PSOE, ao Alcalde e mesmo a determinadas páxinas de internet (supoño que se referirá ao Ruxe). Sobre o BNG dixo que a denuncia fora motivada polo odio, acusándoos tamén de manipular aos veciños no tema do IBI e no PXOM, que “iban a reuniones convocadas de forma anónima para avivar” estes conflitos e iso pagárono nas urnas. Sobre o PSOE dixo que utilizaran a denuncia para descalificalo a el e aos membros da súa candidatura durante as campañas electorais. E sobre as páxinas de internet dixo que “cuatro resentidos, o quizá siempre el mismo, difaman de forma anónima, insultan y descalifican a concejales que ahora se demuestra eran inocentes de las acusaciones“.
Jan
11
O consello de Reboredo a Dono
Categorías: Cidadáns por Galicia, PSOE | 24 comentarios
Perplexos nos quedamos vendo a “recomendación ou consello” que lle dá Reboredo a Dono: “que ate ben o seu rebaño, non vaia a ser que as ovellas descarriadas, que no seu grupo habelas hailas, queiran tamén volver ao redil, e non lle vaia a suceder o que lle pasou no ano 92 …“. Podedes velo no informativo de Estrada Televisión. Que cada quen saque as súas propias conclusións, aínda que a el tamén se lle podería dicir outro tanto.
Dez
31
Repaso do ano que acaba
Categorías: BNG, Cidadáns por Galicia, Concello, Deporte, Municipais 2007, PP, PSOE, PXOM, Partido Galeguista | Fai un comentario
Seguramente haberá cousas máis importantes que outras, pero para nós isto é o máis destacado do ano 2007:
Xaneiro:
Empezamos o ano cunha dimisión, a de Figueiras, que ata aquel entón era Concelleiro do PSOE. Tamén coñecíamos a imputación dun Concelleiro do PP por un presunto tráfico de “leite negra”.
Febreiro:
Neste mes o PP empezaba a sinalarlle a porta de saída a Reboredo, e empezaban as especulacións sobre quen sería o xerente da Fundación de Exposicións e Congresos logo da dimisión de Miguel de la Calle para ser o candidato do PP á Alcaldía.
Marzo:
Achéganse as eleccións e os partidos empezan a ensinar as súas cartas: preséntase o Partido Galeguista e Reboredo, logo de presentar a súa dimisión, tamén presenta a súa candidatura baixo o nome de Cidadáns por Galicia.
Abril:
Un espello xógalle unha mala pasada a Figueiras na presentación da candidatura de Cidadáns por Galicia. Saen publicadas as listas que concorreráns ás eleccións municipais.
Maio:
Xa en plena campaña electoral: debate dos candidatos, os resultados e o nome dos concelleiros. O PSOE é o partido máis votado, que non descarta nada para formalizar un goberno estable; Reboredo ofrécese.
Xuño:
O PSOE, de momento, forma un goberno en minoría e o mes está practicamente monopolizado polo disputado soldo do Señor Alcalde.
Xullo:
Segue o debate do soldo de Dono e hai certa presión para que o PSOE e o BNG acaden un acordo de goberno. Na Fundación de Exposicións e Congresos son días tumultuosos logo do requerimento da Consellería para anular a elección do Xerente.
Agosto:
No PP empezan as mundanzas: De la Calle deixa a portavocía do grupo municipal. Fallo do Tribunal Supremo que permite ao Concello exercer o dereito de retracto sobre a Torre de Guimarei.
Setembro:
O ex-Alcalde no banquiño dos acusados por un presunto delito de prevaricación urbanística. Cúmprense os 100 días de goberno en minoría do PSOE.
Outubro:
PSOE e BNG chegan a un acordo de goberno.
Novembro:
Un Concelleiro do PP amaga con irse para a casa porque el está en política porque llo pediu De la Calle. O Presidente da Xunta fai unha visita á Estrada. Chito Campos non se presenta ao xuízo logo do aprazamento do mes de setembro.
Decembro:
Intereses de todo tipo ao redor da ampliación do Polígono de Toedo. Hai conversas entre Palmou e Reboredo. E para acabar o ano fútbol (sala).
Para remtar, dende o Ruxe-Ruxe na Estrada desexámosvos un feliz ano 2008.
Dez
22
Felicitacións de Nadal
Categorías: BNG, Cidadáns por Galicia, Concello, PP, PSOE | 1 comentario
A continuación tedes a felicitación de Nadal do Alcalde, que aparece na páxina web do Concello, e deseguido a de parte da corporación que fixemos nós:

