Mai
15
O Concello terá que facer reformas no proxecto da traída do Umia
Categorías: Concello, Patrimonio | 1 comentario
Patrimonio non acepta o proxecto da traía do Umia presentado polo Concello e terá que facerlle reformas, presumiblemente para no prexudicar a Presa de Leira, que como sabedes conta cun pequeno acueduto de aproximadamente 500 anos, seguramente un patrimonio descoñecido por moitos estradenses.
Máis fotos (gracias Xoan!!):
![]() |
| Presa de Leira |
Mai
5
20 millóns en tres anos e medio
Categorías: BNG, Concello, Medio Rural | 2 comentarios
O sábado pasado saía nos medios a rolda de prensa que deron conxutamente Gonzalo Constenla, Delegado da Consellería de Medio Rural, e Raquel López Doce, 1ª Tenente de Alcalde, para dar a coñecer os investimentos da Consellería de Medio Rural na Estrada nestes dous últimos anos (2007-2008) ascendía a máis de 6.000.000 euros, cuxa cifra se elevará a máis 20 millóns contando dende o agosto de 2005 a finais de 2008.
Todos estes cartos repártense en distintos proxectos, como a Cooperativa Monte Cabalar, concentracións parcelarias como a de Condeseda, Arca e Monte Val de Vea II, distintas obras de acondicionamento de camiños (Requián, Frades, San Xiao de Vea, Cora, Santo André de Vea, Ancorados, Guimarei, Somoza, …) e doutras infraestruturas como a ponte de Xerlís en Guimarei, así como a traidas de auga e acodicionamento de presas de rego.
Sen dúbida 20 millóns de euros é unha cifra sen precedentes na Estrada, que traducido a pesetas son máis de 3.300 millóns, e que axudarán a paliar a sequía dos últimos anos.
Abr
22
Os orzamentos: entre lusco e fusco
Categorías: BNG, Cidadáns por Galicia, Concello, Orzamentos, PP, PSOE | 1 comentario
Como ocorre en todos os foros o proxecto de orzamentos sempre se ve diferente dependendo lado de onde un estea. É labor do goberno de elaborar uns orzamentos en función das necesidades reais, moitas desas necesidades son herdadas, e é labor da oposición remexer nos números e dicir que eles o farían mellor.
O orzamento deste ano é de 11.600.400 euros. A partida de persoal é de 3.744.000 euros e a de bens e servizos é de 4.735.000 euros, entre os que se atopan o obradoiro de emprego, apartados dependentes de servizos sociais, etc. Por outra banda, haberá 1.331.000 euros no capítulo de inversión, dos que quedan fóra 620.000 euros dos plans plurianuais da Deputación de Pontevedra. Finalmente o aforro neto será de casi un millón de euros, 997.000 euros.
Estes son máis ou menos os datos. A oposición debúllaos e califícaos de decepcionantes e dos que sacan a conclusión de que o PXOM non se aprobará este ano. López do PP tirou de informe de intervención e criticou a falta de xustificación de ingresos, a praza do arquitecto, onde detectou certa fricción entre os grupos de goberno, e a concesión de pluses a determinados funcionarios.
Abr
17
Remodelación da Casa do Concello
Categorías: Concello, Cultura | 12 comentarios
O Alcalde quere remodelar a Casa do Concello, recuperando a cuberta orixinal de 1904 para gañar espazo e utilizar a última planta. Para abordar esta remodelación está chamando ás portas da Consellería de Presidencia e da de Cultura. O proxecto de remodelación custa 1.700.000 euros.
Supoñemos que haberá problemas de espazo no Concello, simplemente, dándose un paseo polas distintas dependencias non se ve un oco libre, e sempre resultará máis barato facer unha remodelación de como se pretende que facer un novo como está a facer Lalín, cuxo orzamento está xa en 12 millóns de euros. De todos os xeitos hai no noso Concello edificios históricos que tamén necesitarían un lavado de cara, por exemplo a Torre de Guimarei, da que nada se sabe a día de hoxe.
Mar
21
Saneamento no rural, por fin?
Categorías: Concello, Ecoloxía | 19 comentarios
Nestes días de poucas noticias, algunhas delas son refritos cando non invencións descaradas, aparece unha a nivel local certamente interesante: o concello da Estrada está a elaborar un plan director para dotar de saneamento ao noso extenso rural. A noticia é, como dixemos, interesante pero abre outras incógnitas: verteranse aos ríos augas realmente depuradas? porque as que hai agora mesmo, Guimarei e Aguións, son calquera cousa menos depuradoras que botan ao río Liñares todo tipo de desperdicios.
Fev
13
Eleccións sindicais no Concello
Categorías: Concello, Sindicatos | 1 comentario
Parece que as eleccións sindicais no concello traerán cola. Segundo reflicten os medios, CC.OO gañou as eleccións, ademais contundentemente, pero CIG e UGT impugnaron as eleccións porque, segundo parece, na taboleiro de listas non había ningunha coas siglas do sindicato gañador. Fora como fora, con siglas ou sen elas, 36 traballadores do Concello sabían que siglas debían poñer.
O que foi un éxito foi a participación, votaron o 100% dos traballadores do Concello.
Jan
22
Os Xenerais soben á Estrada
Categorías: Concello, Cultura | 10 comentarios
Os atranques dos Xenerais é algo que caracteriza aos concellos que están á ribeira do río Ulla: Vila de Cruces, Silleda, Vedra, A Estrada, Teo, Carcacía, etc, teñen os seus xenerais, que recitaban as súas coplas nas aldeas onde estes teñen tradición. Este ano será o segundo consecutivo no que os Xenerais soben á Estrada a facer o seu espectáculo, no canto de facelo nos lugares onde é tradición. E neste sentido, parece que é intención da Concellería de Cultura potenciar o entroido na Vila, mentres se deixa esmorecer nas aldeas. Con todo parece que dende Turismo tentarase, a través da Asocicación creada para o efecto, que no vindeiro ano 2009 estes encontros se leven a cabo nas aldeas, malia a que algúns prefiran ir por libre, o que precisamente nos levou á situación actual.
Dez
31
Repaso do ano que acaba
Categorías: BNG, Cidadáns por Galicia, Concello, Deporte, Municipais 2007, PP, PSOE, PXOM, Partido Galeguista | Fai un comentario
Seguramente haberá cousas máis importantes que outras, pero para nós isto é o máis destacado do ano 2007:
Xaneiro:
Empezamos o ano cunha dimisión, a de Figueiras, que ata aquel entón era Concelleiro do PSOE. Tamén coñecíamos a imputación dun Concelleiro do PP por un presunto tráfico de “leite negra”.
Febreiro:
Neste mes o PP empezaba a sinalarlle a porta de saída a Reboredo, e empezaban as especulacións sobre quen sería o xerente da Fundación de Exposicións e Congresos logo da dimisión de Miguel de la Calle para ser o candidato do PP á Alcaldía.
Marzo:
Achéganse as eleccións e os partidos empezan a ensinar as súas cartas: preséntase o Partido Galeguista e Reboredo, logo de presentar a súa dimisión, tamén presenta a súa candidatura baixo o nome de Cidadáns por Galicia.
Abril:
Un espello xógalle unha mala pasada a Figueiras na presentación da candidatura de Cidadáns por Galicia. Saen publicadas as listas que concorreráns ás eleccións municipais.
Maio:
Xa en plena campaña electoral: debate dos candidatos, os resultados e o nome dos concelleiros. O PSOE é o partido máis votado, que non descarta nada para formalizar un goberno estable; Reboredo ofrécese.
Xuño:
O PSOE, de momento, forma un goberno en minoría e o mes está practicamente monopolizado polo disputado soldo do Señor Alcalde.
Xullo:
Segue o debate do soldo de Dono e hai certa presión para que o PSOE e o BNG acaden un acordo de goberno. Na Fundación de Exposicións e Congresos son días tumultuosos logo do requerimento da Consellería para anular a elección do Xerente.
Agosto:
No PP empezan as mundanzas: De la Calle deixa a portavocía do grupo municipal. Fallo do Tribunal Supremo que permite ao Concello exercer o dereito de retracto sobre a Torre de Guimarei.
Setembro:
O ex-Alcalde no banquiño dos acusados por un presunto delito de prevaricación urbanística. Cúmprense os 100 días de goberno en minoría do PSOE.
Outubro:
PSOE e BNG chegan a un acordo de goberno.
Novembro:
Un Concelleiro do PP amaga con irse para a casa porque el está en política porque llo pediu De la Calle. O Presidente da Xunta fai unha visita á Estrada. Chito Campos non se presenta ao xuízo logo do aprazamento do mes de setembro.
Decembro:
Intereses de todo tipo ao redor da ampliación do Polígono de Toedo. Hai conversas entre Palmou e Reboredo. E para acabar o ano fútbol (sala).
Para remtar, dende o Ruxe-Ruxe na Estrada desexámosvos un feliz ano 2008.
Dez
22
Felicitacións de Nadal
Categorías: BNG, Cidadáns por Galicia, Concello, PP, PSOE | 1 comentario
A continuación tedes a felicitación de Nadal do Alcalde, que aparece na páxina web do Concello, e deseguido a de parte da corporación que fixemos nós:

Dez
21
A directiva do C.D. Estradense ameaza coa dimisión polo cambio de dúas horas de adestramentos
Categorías: BNG, Concello, Deporte | 52 comentarios
Non houbo acordo ou entendemento entre Concellería de Deportes e o C.D. Estradense sobre o uso do Coto Ferreiro. Por unha parte dende o Concello din que tentaron “buscar consenso, pero hai un enroque absoluto por parte deles como se as instalacións fosen do club, e non municipais “. A tenente de alcalde dixo que «o Reale parte da base de que considera inamovibles os horarios do Coto Ferreiro porque están reservados dende xuño». Raquel López lembrou que naquel momento non houbo previsión dunha Liga Local por parte dos seus predecesores, e destacou que «non se está a suprimir dúas horas de adestramento, senón que só se trasladan». Xoán Carlos Castro dixo que «hai dous anos tamén se organizou máis tarde a Liga Local, e daquelas non houbo ningún problema para a súa incorporación».
Raquel López e Xoán Carlos Castro, que recoñeceron que a reunión non fora «moi construtiva», falaron tamén da «desproporción» na postura do Estradense por «dispoñer de 13 horas en vez de 15 do Coto Ferreiro», e engadiron que «non cremos que se trasladamos dúas horas o adestramento se vaia a poñer en risco o proxecto deportivo e todo o que significa o Estradense».
Por outra banda o C.D. Estradense considera que a «reunión non serviu para nada, e todo sigue igual. Visto o visto só nos queda convocar a asemblea para informar aos socios e case seguro que todos presentaremos a dimisión», dixo. «Hai un 99,9% de posibilidades de que deixemos o club, porque non se pode loitar contra corrente», engadiu Iglesias.
Está claro que ameazar coa dimisión da directiva por cambiar dúas horas de adestramento a outro recinto é un pouco esaxerado, o que pode esconder outro tipo de motivacións extra-deportivas. Respecto dunha hipotética dimisión en bloque da directiva do Estradense, Raquel López dixo que «sería algo desproporcionado e non a comprendería. Pero en calquera caso, nós non nos metemos na vida interna do club».
Memoria histórica
Por outra parte ollado a páxina do C.D. Estradense atópamonos con que este clube xurdiu “pola nula oferta de ocio na sociedade daquel tempo e pola dimensión competitiva entre pandillas de amigos e entidades de poboación diversas”, algo, que polo que se ve, se lles nega a outros 82 anos máis tarde.

