No chuza vemos unha reportaxe que fixo El Correo Gallego á Cooperativa Monte Cabalar, que agrupa a máis de 300 socios, todos das parroquias de Somoza, Tabeirós, Nigoi e Arca, que aportaron as súas terras, e tamén cartos, para explotar esas terras e onde o gando (vacas, cabalos e cabras) representa a produción principal, aprovetando os pastos, mantendo limpo o monte.

A Cooperativa naceu en 2006 froito dun convenio de 860 mil euros coa Consellería de Medio Rural, e trátase dun dos proxectos singulares que apoia este organismo autonómico, e este estase levando a cabo, aquí, na Estrada.

Por que e para que

O mesmo que antes nos xuntabamos para facer traballos comunitarios –mallas, esfollas, rabaños en veceira…–, xuntámonos agora nunha cooperativa de explotación comunitaria da terra, superando o individualismo e o minifundio, o abandono e a derrota, tornando produtivos e revalorizando os nosos montes para afrontar as tendencias do mercado e acadar unha xestión competitiva e sustentábel a través da xestión integrada nunha única explotación de milleiros de leiras” .

O pasado día 28 de marzo saíu nos medios locais unha denuncia feita pola Asociación o Fervedoiro de Cuntis dun vertedoiro ilegal no nacemento do río Vea, entre Cuntis e A Estrada. Hoxe tamén sae nos medios que esa denuncia pública transformouse nunha denuncia administrativa, urxindo ao Concello da Estrada que faga a limpeza dese lugar, onde se poden atopar unha morea de lixo debaixo dunha ponte e nas marxes deste regueiro, afluente do Río Ulla.

Nacemento do Río Vea, A Estrada

Como ben podedes apreciar nas fotos o lixo acumulado é importante como para que dende a Concellería de Medio Ambiente fagan algo por eliminar este vertedoiro, que se ven é certo que este lixo leva acumulado moito tempo, e nesa zona non é a primeira vez que se denuncian estes verquidos, agora son outros os que teñen que apandar coa herdanza recibida do anterior goberno municipal.

Nestes días de poucas noticias, algunhas delas son refritos cando non invencións descaradas, aparece unha a nivel local certamente interesante: o concello da Estrada está a elaborar un plan director para dotar de saneamento ao noso extenso rural. A noticia é, como dixemos, interesante pero abre outras incógnitas: verteranse aos ríos augas realmente depuradas? porque as que hai agora mesmo, Guimarei e Aguións, son calquera cousa menos depuradoras que botan ao río Liñares todo tipo de desperdicios.

Con toda a controversia que hai hoxe en día coa proliferación das luces do nadal e o cambio climático, resulta que na Estrada, segundo palabras da Concelleira de Industria, Montserrat Maceiras, non se colocan máis porque non hai cartos, que senón habería tantas que teríamos que ir con lentes de sol pola rúa en pleno inverno.

É unha pena que non se aproveitara a ocasión para dar exemplo e que se vexa que dende A Estrada tamén se loita, dentro das nosas posibilidades, contra o cambio climático e o que supón un despilfarro de enerxía a colocación das luces do nadal.

Sempre que hai cambio de hora, sempre o mesmo debate. Nós desde logo consideramos un pouco absurdos os cambios de hora, que se nos di que é para aforrar enerxía, pero, de verdade aforramos algo de enerxía?. Nas nosas casas mantemos encendidas as luces máis tempo, ou non?. O dito, un absurdo.

Pegamos a continuación un texto de opinión que nos fixo chegar por correo electrónico Damián Porto Rico sobre a Cidade do Moble.

Cidade do Moble ¿no río Liñares?
Por Damián Porto Rico

Baixo o altisonante nome de “Cidade do Moble” (pomposo porque A Estrada non acada máis que a categoría de vila), a próxima construción do Polígono Sectorial do Moble nas beiras do río Liñares amenaza ao patrimonio cultural e natural da maioría dos estradenses e de todos os galegos.

Non pretendemos facer nas seguintes páxinas un exercicio de demagoxia conservacionista ou de “ecoloxismo de palleiro”. Esa é labor que políticos e xornalistas, colectivos completamente discapacitados no que se refire a temas medioambientais, levan anos a desenvolver, conculcando os máis elementais dereitos informativos e educativos e mesmo promocionando actuacións ilegais. Ler m�is