Un dos proxectos máis importantes que ten o goberno galego para A Estrada, a Cidade do Moble, atópase nos últimos trámites administrativos antes da súa aprobación definitiva. Hoxe sae nos medios locais que a Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, e que nos últimos días tivo un protagonismo especial polas Normas de Hábitat Galego, non moi ben recibidas por unha parte dos seus socios de gobernos, remitiu ao Concello a Modificación Puntual do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia para a inclusión da Cidade do Moble da Estrada nas súas actuacións así como o Informe de Sostenibilidade Ambiental, o Proxecto Sectorial da Cidade do Moble da Estrada e o Estudo de Impacto Ambiental do Proxecto Sectorial da Cidade do Moble da Estrada. Todos estes documentos estarán expostos durante 2 meses durante os cales se poderán presentar alegacións, tendo un mes a administración para contestalos.

Recordar que a Cidade do Moble estará situada na parroquia de Lagartóns, onde hai asentadas preto de 20 empresas, relacionadas na súa maior parte co sector do moble, e todas elas fora de ordenación. Recordar tamén que contra este proxecto hai unha certa contestación social, aglutinados en torno á Asociación Val do Liñares, opostos á ubicación da Cidade do Moble neste lugar.

Ampliación Polígono de ToedoArredor da polémica destes días sobre se se debe ampliar xa o polígono de Toedo ou non hai unha serie de intereses contrapostos. Non cabe dúbida de que o polígono debe ampliarse para que se poidan asentar máis empresas, pero hai un problema, o PXOM. Os queren ampliar xa, acóllense ás normas transitorias, pensando que o Plan Xeral tardará algún tempo máis do agardado polo goberno municipal, e tamén se acollen aos intereses privados de certa empresa que pretende crear solo industrial privado.

Os que queren ter solo industrial público queren agardar ata cando se aprobe o PXOM, que será a finais do vindeiro ano, asinado no pacto de goberno entre o PSOE e o BNG. Como curiosidade, e tendo en conta as posturas contrapostas nesta cuestión, os primeiros defenden que o Polígono medre hacia abaixo e outro hacia arriba, quedando no medio o polígono industrial máis feo (de promoción privada e baleiro durante moitos anos, non hai que esquecelo) que hai en quilómetros arredor, a anos luz do Polígono de Lalín, por exemplo.