Mai
6
Pleno do 5 de maio
Categorías: BNG, Cidadáns por Galicia, Orzamentos, PP, PSOE | 15 comentarios
Orzamento do Concello
Onte aprobouse, nunha sesión excesivamente longa, o orzamento do Concello. Non houbo sorpresas e quedou aprobado por maioría absoluta, votando en contra o PP e CIDEGÁ.
Os orzamentos do Concello ascenden a 11.600.000 euros, cun incremento do 8,10% a respecto do orzamento do ano anterior, dedicándose o 6,76% a gastos de persoal, 17,37% a gastos correntes, entre o que se atopa a Escola Obradoiro e gastos en servizos sociais, tamén se subliñou que no apartado de investimentos haxa 997.000 euros de fondos propios fronte aos 93.000 do ano 2007. Algo que tamén destacou a Concelleira de Facenda, Isabel Ruíz, foi que non se incrementaba a presión fiscal sobre os cidadáns.
A oposición, tanto PP como CIDEGÁ, tiraron de hemeroteca para criticar ao goberno cos mesmos argumentos que estes utilizaron para criticar os orzamentos de 2007: incremento do casto corrente, non hai aforro, aumento de plantilla, … subliñando as incoherencias que segundo eles incorrían tanto PSOE como BNG.
Así, logo dun intenso e longo debate, onde López, portavoz do PP, se estendeu máis alá do desexable, aprobouse o orzamento que rexerá o destinos dos cartos públicos neste ano 2008.
Cadro de persoal
Aínda que durante o pleno saíu a colación o tema do incremento da plantilla do concello, creándose a praza de arquitecto e outra de cargo de confianza, tivo neste punto o seu tratamento monográfico. Neste caso Espiño, portavoz do PSOE, xustificaba a praza de arquitecto no incremento de traballo no departamento de urbanismo e na capacidade de recadación que este tivo durante os últimos meses; a respecto da praza de confianza (secretaria do Alcalde), Espiño destacou que das dúas que había unha delas está destinada na biblioteca para cubrir a ampliación de horarios da biblioteca e outras actividades de tipo cultural, facéndose necesaria a cubrir este posto con outra persoa.
PP e CIDEGÁ pola súa parte criticaron que antes de crear a praza había que facer unha relación de postos de traballo do Concello para ver onde quedaba frouxa a plantilla. A respecto da praza de arquitecto o PP subliñou que o actual equipo técnico eran sobradamente capaces de sacar o traballo adiante, criticando que estean pechados a “a cal y canto”. CIDEGÁ pola súa parte tamén se mostrou sorprendido polo da ampliación de horario da biblioteca como xustificación da praza de secretaria, emprazando a Espiño a demostrar cal é ese horario ampliado.
Abr
29
Os orzamentos casi listos
Categorías: BNG, Cidadáns por Galicia, Orzamentos, PP, PSOE | 3 comentarios
Os orzamentos da Estrada, os primeiros do bipartito están casi listos e aprobaranse no próximo pleno ordinario que será o luns 5 e non o venres 2 de maio.
O grupo de goberno evidentemente defende os orzamentos. O PP di que son un desastre e polo tanto non van facer ningunha emenda. Cidegá, máis construtivos, todo hai que dicilo, vincula o seu apoio a estes orzamentos á inclusión nos memos de dous proxectos: a Cidade Social e a remodelación da praza de abastos. Ambos proxectos discutibles, pero non se pode negar que polo menos fan aportacións, e non como López, que só presume dos seus coñecementos de economía, pero ideas para mellorar os orzamentos, cero.
Abr
22
Os orzamentos: entre lusco e fusco
Categorías: BNG, Cidadáns por Galicia, Concello, Orzamentos, PP, PSOE | 1 comentario
Como ocorre en todos os foros o proxecto de orzamentos sempre se ve diferente dependendo lado de onde un estea. É labor do goberno de elaborar uns orzamentos en función das necesidades reais, moitas desas necesidades son herdadas, e é labor da oposición remexer nos números e dicir que eles o farían mellor.
O orzamento deste ano é de 11.600.400 euros. A partida de persoal é de 3.744.000 euros e a de bens e servizos é de 4.735.000 euros, entre os que se atopan o obradoiro de emprego, apartados dependentes de servizos sociais, etc. Por outra banda, haberá 1.331.000 euros no capítulo de inversión, dos que quedan fóra 620.000 euros dos plans plurianuais da Deputación de Pontevedra. Finalmente o aforro neto será de casi un millón de euros, 997.000 euros.
Estes son máis ou menos os datos. A oposición debúllaos e califícaos de decepcionantes e dos que sacan a conclusión de que o PXOM non se aprobará este ano. López do PP tirou de informe de intervención e criticou a falta de xustificación de ingresos, a praza do arquitecto, onde detectou certa fricción entre os grupos de goberno, e a concesión de pluses a determinados funcionarios.
