Nov
6
Benvido Mr. Touriño
Categorías: BNG, PSOE, Promesas, con_moita_calma | 15 comentarios
Ao máis puro estilo Mister Marshall, só lle faltou saudar desde o balcón, Touriño chegou á Estrada cargado de promesas: Cidade do Moble, ampliación do Pérez Viondi, residencia de maiores, apertura acceso á AP-53 por Orazo, traída de auga do Umia, autovía Santiago-A Estrada e a variante da Estrada.
Pero repasemos unha por unha:
- Cidade do Moble, é unha obra posta en marcha pola Consellería de Industria e a Consellería de Vivenda e estase á espera de que se remate definitivamente o proxecto.
- Pérez Viondi: dependente da Consellería de Educación, de momento é unha promesa.
- Residencia de maiores: dependente de Vicepresidencia, de momento é unha promesa, porque primeiro hai que atopar solo dispoñible.
- Acceso á AP-53: dependente da COTOP está pendente de arranxar uns problemas veciñais.
- Traída do Umia: dependente da Consellería de Medio Ambiente, de momento non pasa de promesa.
- Autovía Santiago-A Estrada: dependente da COTOP, de momento non pasa de promesa.
- Variante da Estrada: dependente do Ministerio de Fomento; aínda non hai moitos días o BNG anunciaba que chegou a un compromiso co goberno central de incluír 1.300.000 euros para a Variante nos orzamentos do estado de 2008.
Por certo, como se pode apreciar nunha foto que saíu nun medio local, a “nova infantería” estaba presente neste importante acto.
Ago
1
O PXOM e as cortinas de fume
Categorías: PSOE, PXOM, Promesas, con_moita_calma | 4 comentarios
O que se ía aprobar en 6 meses, despois en un ano, agora desde o grupo de goberno do PSOE dísenos que o PXOM tardará, como moito, dous anos. E por se isto fora pouco, o que máis nos chama a atención é que o PSOE non ten unha idea clara de que facer con PXOM, porque aínda que pareza moi democrático e moi “progre” deixar que os demais opinen sobre o futuro, un Goberno ten a responsabilidade de facer unha proposta de por onde se debe camiñar; para algo o PSOE é a forza máis votada.
E para desviar a atención sobre un tema tan importante como o PXOM, Dono saca o tema das beirarrúas de Codeseda, que segundo parece ían facerse ao chou, que era o xeito de traballar do PP, como xa demostrou nas beirarrúas de Souto de Vea, aínda sen rematar.
E a todo isto, que opina o empresariado local sobre o tema do PXOM? porque non sae Figueiras, Presidente da ACE, reclamando a aprobación XA do PXOM, como facía antes das eleccións?.
Jul
29
Sen noticias do PXOM
Categorías: Concello, PSOE, PXOM, Promesas, Urbanismo, con_moita_calma | 9 comentarios
Vai alá xa mes e medio da investitura de Dono como alcalde, e a día de hoxe, o que vai pasar co PXOM é unha incógnita sen despexar, malia que era unha das prioridades de todos os partidos. A día de hoxe a persoa que en principio asumiu a carteira de Urbanismo (Irene Aguiar Lale) aínda non exerce formalmente como tal e tampouco convocou a día de hoxe a Comisión de Urbanismo, vital para sacar adiante un documento herdado do PP que se atascou na Consellería de Ordenación do Territorio.
Se o PXOM era unha prioridade que Dono ía solucionar en 6 meses, só lle quedan pouco máis de catro meses para arranxar o documento e adaptalo ás esixencias da Consellería, e a día de hoxe temos noticia de case todo agás de como se vai o tema do PXOM fundamental para o despegue económico do Concello.
Jul
14
ZP vende satélites en Vigo e Touriño motos na Estrada
Categorías: Infraestruturas, PSOE, Promesas, con_moita_calma | 2 comentarios
O xoves 12 de xullo Zapatero viña a Vigo a anunciar a construción dun satélite con tecnoloxía española que se lanzará ao espazo en 2010, do AVE só dixo que “va a llegar a tiempo“. Touriño ven onte á Estrada, á Academia Galega de Seguridade, a entregar unha serie de vehículos para os concellos limítrofes e unha moto para A Estrada, ademais de para anunciar que a Policía Autonómica estará lista en cinco anos, pero da demandada autovía Santiago-A Estrada non dixo nada, polo menos aos medios.
Jul
12
Gastando o doble
Categorías: BNG, Cidadáns por Galicia, PP, PSOE, Promesas | 6 comentarios
Desde logo aplaudimos a decisión do Alcalde de retirar as bandas rugosas e substituílas por lombos de burra, menos molestos para os coches e axudan a eliminar as barreiras arquitectónicas. Esta medida, que fora duramente criticada polo PSOE e polo BNG na lexislatura anterior, executouna o PP para paliar as altas velocidades que se daban nas rúas da vila.
A pena é que haxa que gastar dúas veces, unha para poñelas bandas rugosa e outra para poñer no seu sitio os lombos de burra, como se na Estrada sobraran os cartos. Pero bueno, parte dos que aprobaron esa medida están agora na oposición.
Jul
6
Promesas
Categorías: PP, PSOE, Promesas | 3 comentarios
Non hai como a campaña electoral ou precampaña para anunciar cousas que logo non se fan. Este parece ser o caso ou iso é o que ven de denunciar o PP, a través do seu Presidente local e Deputado no Parlamento Galego, Jesús Palmou. Este Deputado acaba de denunciar en Radio Estrada os incumprimentos do Sr. Touriño cando, na presentación de Dono como candidato a Alcalde anunciou, que se este era rexedor municipal faría que a autovía Santiago-A Estrada fora unha realidade, incluíndoa no Plan de Infraestruturas; ademais neste plan tamén debería incluirse outra promesa electoral do PSOE como é a traída de augas desde o Umia.
Pois Dono é xa o Alcalde e parece que nin unha cousa nin a outra. Segundo o Sr. Palmou as únicas infraestruturas incluidas no dito Plan é a Cidade do Moble que levan adiante a Consellería de Vivenda e a Consellería de Industria.
