Orzamento do Concello
Onte aprobouse, nunha sesión excesivamente longa, o orzamento do Concello. Non houbo sorpresas e quedou aprobado por maioría absoluta, votando en contra o PP e CIDEGÁ.

Os orzamentos do Concello ascenden a 11.600.000 euros, cun incremento do 8,10% a respecto do orzamento do ano anterior, dedicándose o 6,76% a gastos de persoal, 17,37% a gastos correntes, entre o que se atopa a Escola Obradoiro e gastos en servizos sociais, tamén se subliñou que no apartado de investimentos haxa 997.000 euros de fondos propios fronte aos 93.000 do ano 2007. Algo que tamén destacou a Concelleira de Facenda, Isabel Ruíz, foi que non se incrementaba a presión fiscal sobre os cidadáns.

A oposición, tanto PP como CIDEGÁ, tiraron de hemeroteca para criticar ao goberno cos mesmos argumentos que estes utilizaron para criticar os orzamentos de 2007: incremento do casto corrente, non hai aforro, aumento de plantilla, … subliñando as incoherencias que segundo eles incorrían tanto PSOE como BNG.

Así, logo dun intenso e longo debate, onde López, portavoz do PP, se estendeu máis alá do desexable, aprobouse o orzamento que rexerá o destinos dos cartos públicos neste ano 2008.

Cadro de persoal
Aínda que durante o pleno saíu a colación o tema do incremento da plantilla do concello, creándose a praza de arquitecto e outra de cargo de confianza, tivo neste punto o seu tratamento monográfico. Neste caso Espiño, portavoz do PSOE, xustificaba a praza de arquitecto no incremento de traballo no departamento de urbanismo e na capacidade de recadación que este tivo durante os últimos meses; a respecto da praza de confianza (secretaria do Alcalde), Espiño destacou que das dúas que había unha delas está destinada na biblioteca para cubrir a ampliación de horarios da biblioteca e outras actividades de tipo cultural, facéndose necesaria a cubrir este posto con outra persoa.

PP e CIDEGÁ pola súa parte criticaron que antes de crear a praza había que facer unha relación de postos de traballo do Concello para ver onde quedaba frouxa a plantilla. A respecto da praza de arquitecto o PP subliñou que o actual equipo técnico eran sobradamente capaces de sacar o traballo adiante, criticando que estean pechados a “a cal y canto”. CIDEGÁ pola súa parte tamén se mostrou sorprendido polo da ampliación de horario da biblioteca como xustificación da praza de secretaria, emprazando a Espiño a demostrar cal é ese horario ampliado.

Os orzamentos da Estrada, os primeiros do bipartito están casi listos e aprobaranse no próximo pleno ordinario que será o luns 5 e non o venres 2 de maio.

O grupo de goberno evidentemente defende os orzamentos. O PP di que son un desastre e polo tanto non van facer ningunha emenda. Cidegá, máis construtivos, todo hai que dicilo, vincula o seu apoio a estes orzamentos á inclusión nos memos de dous proxectos: a Cidade Social e a remodelación da praza de abastos. Ambos proxectos discutibles, pero non se pode negar que polo menos fan aportacións, e non como López, que só presume dos seus coñecementos de economía, pero ideas para mellorar os orzamentos, cero.

Como ocorre en todos os foros o proxecto de orzamentos sempre se ve diferente dependendo lado de onde un estea. É labor do goberno de elaborar uns orzamentos en función das necesidades reais, moitas desas necesidades son herdadas, e é labor da oposición remexer nos números e dicir que eles o farían mellor.

O orzamento deste ano é de 11.600.400 euros. A partida de persoal é de 3.744.000 euros e a de bens e servizos é de 4.735.000 euros, entre os que se atopan o obradoiro de emprego, apartados dependentes de servizos sociais, etc. Por outra banda, haberá 1.331.000 euros no capítulo de inversión, dos que quedan fóra 620.000 euros dos plans plurianuais da Deputación de Pontevedra. Finalmente o aforro neto será de casi un millón de euros, 997.000 euros.

Estes son máis ou menos os datos. A oposición debúllaos e califícaos de decepcionantes e dos que sacan a conclusión de que o PXOM non se aprobará este ano. López do PP tirou de informe de intervención e criticou a falta de xustificación de ingresos, a praza do arquitecto, onde detectou certa fricción entre os grupos de goberno, e a concesión de pluses a determinados funcionarios.

Dono quere negociar ou fará un intento de negociación cos propietarios dos terreos SUNC, que foron un auténtico pesadelo para o Partido Popular, representados pola asociación AEDRU.

Hai uns meses recordaredes a petición deste colectivo para organizar unha mesa redonda para que se aclare o futuro do PXOM. Desde aquela nada se sabe do asunto, e parece que, vendo a noticia que saíu o sábado, que hai algún tipo de acordo entre o PSOE e AEDRU para non armar follón. O acordo, por suposto, non queremos ser mal pensados, é que se non me armas follón haberá diálogo. AEDRU parece que cumpre o acordo e Dono tamén apunta nesa dirección.

Irene Aguiar, Concelleira de Urbanismo, repasou o venres as contas dos fallidos plans xerais do PP. O último plan, fallido porque a Xunta rexeitouno, custoulle ao erario público estradense 540.000 euros (dos anteriores nada se sabe, pero será unha cifra semellante), ao que lle hai que sumar preto de un millón de euros polas licenzas que se deixaron de conceder. Irene tamén restou importancia á xudicialización dos temas urbanísticos na Estrada por parte do PP.

Reboredo deuse por aludido e deféndese
O Concelleiro de Cidadáns deuse pof aludido e contestou ás palabras de Irene, porque el foi o responsable desta área no anterior mandato do PP. Acusou unha vez máis ao goberno de escurantista por non convocar as comisións de urbanismo, e que, senón se convocan, é para pagar os “soldos políticos”. Recordar, que segundo Irene Aguiar, o PP convocou 250 comisións, o que supuxo 150.000 euros para as arcas municipais, e eles (o PP) tamén tiñan soldos políticos.

Reboredo tamén lle recordou a Irene, en contestación ao gasto dos 540.000 euros, que a decisión de iniciar a redacción do Plan nese período que cita foi tomada por unanimidade, así como a decisión de aprobar 300 permisos e a de pechar o cupo para salvar certas actuacións urbanísticas.

Tamén aproveitou para criticar ao goberno de censura informativa e dixo que el “como miembro de la corporación, seguiré hablando con los técnicos cuando quiera. Si no les gusta, que envíen a la Policía Local a desalojarme“.

O PP pola súa parte pediulle que fale con claridade dos prazos para a aprobación do Plan Xeral.

O pasado xoves houbo unha batalla mediático-política sen precedentes no noso Concello. Irene Aguiar Lale, Concelleira de Urbanismo daba unha rolda de prensa para anunciar se se facía o informe medio ambiental do PXOM ou non. Se o importante era saber iso precisamente, a Concelleira empezou por “aclarar” unha información que daba minutos antes Pepe en Radio Estrada, e este contestaba pola noite na canle de Estrada TV, que é da súa propiedade. A continuación os vídeos.

O que está claro é que despois da destitución de Pepe como director de Radio Estrada, as cousas entre este e o PSOE non van ben, e isto é unha proba.

Co 100% dos votos escrutados estes son os resultados:

2008

2004

PP 6.435 46,33% 52,96% 7.521
PSdeG-PSOE 5.198 37,42% 29,83% 4.236
BNG 1.866 13,43% 14,16% 2.011

O PP baixa 6,63 puntos, o BNG pódese dicir que mantén o tipo, baixa 0,73 e o PSOE sobe 7,59. O cal, é á vista dos resultados o PSOE cómelle un bo puñado de votos ao PP.

Proinsa é grupo inmobiliario de Lalín que nos últimos días está a atravesar un dura situación, enfrontándose a unha suspensións de pagos por falta de liquidez, e acusan á Xunta, concretamente á Consellería de Traballo e á Consellería de Economía de falta de apoio para afrontar esta situación. Unha situación que, de non arranxarse, deixará na rúa a un total de 1.400 traballadores.

Non é a primeira empresa do sector inmobiliario que quebra ou que despide xente, que medraron ao compás da burbulla inmobiliaria e esta burbulla estase a desinchar a pasos axigantados. Aínda nestes días saíu nos medios que outra empresa, neste caso madrileña e de maior tamaño, Sacyr Vallermoso, a adxudicataria da controvertida Autovía do Barbanza, está a atravesar un momento delicado, e viuse salpicada esta empresa por uns rumores en forma de SMS onde acusan ao PSOE de “pagar” a esta empresa para adiar a suspensión de pagos ata despois das eleccións, algo que, de ocorrer antes, sería utilizado polo PP para demostrar a mala política económica do goberno de ZP.

As listas de espera na sanidade xa se parecen ao enterno debate do voto emigrante, que sempre se critica cando un está na oposición, sabedor de que non gobernar prexudica aos seus intereses e é un xeito de desgastar ao que manda. Pois coas listas de espera pasa o mesmo. Desta volta é o PP que demanda unha solución ás listas de espera na Estrada, e é Dono quen contesta, dicindo que antes había máis.

Mentres uns e outros se enlían no debate mediático somos os cidadáns de a pé os que sufrimos as consecuencias dunha sanidade máis atascada ca nunca e con multitude de problemas. Hai unhs cantos anos vendéusenos  como a panacea o do “céntimo sanitario”, que algunhas comunidades galegas aplicaron, entre elas Galicia, para sufragar o gasto sanitario, malia a que iso teña uns efectos secundarios nada desexábeis. En definitiva, con céntimo sanitario ou sen el, a sanidade pública está mal, mentes a sanidade privada ten cada vez máis beneficios, algo, que nos debería facer reflexionar a todos.

Onte adiantouse o debate na Estrada. Os catro líderes políticos dos catro grupos políticos foron ao Losada Diéguez a falar de política, e abofé que estaría máis interesante que o soporífero debate de onte pola noite. A iniciativa partiu dos rapaces, a meirade parte sen idade para votar, o cal demostra que a asistencia de Dono, López, Raquel e Reboredo non tiña nada a ver con fins electoralistas e si con achegar a política aos máis novos, algo que a estas alturas da vida simplemente lles resbala, pero sin embargo asistiron, aínda que só se atreveron a facer unha pregunta: “¿A aparición de Cidadáns foi debida ó fracaso do PP?“.

Páxina seguinte →