Irene Aguiar, Concelleira de Urbanismo, repasou o venres as contas dos fallidos plans xerais do PP. O último plan, fallido porque a Xunta rexeitouno, custoulle ao erario público estradense 540.000 euros (dos anteriores nada se sabe, pero será unha cifra semellante), ao que lle hai que sumar preto de un millón de euros polas licenzas que se deixaron de conceder. Irene tamén restou importancia á xudicialización dos temas urbanísticos na Estrada por parte do PP.

Reboredo deuse por aludido e deféndese
O Concelleiro de Cidadáns deuse pof aludido e contestou ás palabras de Irene, porque el foi o responsable desta área no anterior mandato do PP. Acusou unha vez máis ao goberno de escurantista por non convocar as comisións de urbanismo, e que, senón se convocan, é para pagar os “soldos políticos”. Recordar, que segundo Irene Aguiar, o PP convocou 250 comisións, o que supuxo 150.000 euros para as arcas municipais, e eles (o PP) tamén tiñan soldos políticos.

Reboredo tamén lle recordou a Irene, en contestación ao gasto dos 540.000 euros, que a decisión de iniciar a redacción do Plan nese período que cita foi tomada por unanimidade, así como a decisión de aprobar 300 permisos e a de pechar o cupo para salvar certas actuacións urbanísticas.

Tamén aproveitou para criticar ao goberno de censura informativa e dixo que el “como miembro de la corporación, seguiré hablando con los técnicos cuando quiera. Si no les gusta, que envíen a la Policía Local a desalojarme“.

O PP pola súa parte pediulle que fale con claridade dos prazos para a aprobación do Plan Xeral.

Reboredo deu onte unha rolda de prensa que aproveitou para acusar á Concelleira de Urbanismo de improvisación na elaboración do Plan, e pensa que este non se rematará ata dentro dun ano e non outubro ou novembro como di o grupo de goberno. Di que optar pola elaboración do o informe de avaliación medio ambiental é unha conclusión á que chegara el cando gobernaba, en outubro de 2006.

Tamén aproveitou para criticar as presións e o control da información na emisora municipal, así como un constante secuestro de información aos veciños, á oposición” e aos técnicos, que traballan a porta pechada por orde expresa da Concelleira.

Seguramente haberá cousas máis importantes que outras, pero para nós isto é o máis destacado do ano 2007:

Xaneiro:
Empezamos o ano cunha dimisión, a de Figueiras, que ata aquel entón era Concelleiro do PSOE. Tamén coñecíamos a imputación dun Concelleiro do PP por un presunto tráfico de “leite negra”.

Febreiro:
Neste mes o PP empezaba a sinalarlle a porta de saída a Reboredo, e empezaban as especulacións sobre quen sería o xerente da Fundación de Exposicións e Congresos logo da dimisión de Miguel de la Calle para ser o candidato do PP á Alcaldía.

Marzo:
Achéganse as eleccións e os partidos empezan a ensinar as súas cartas: preséntase o Partido Galeguista e Reboredo, logo de presentar a súa dimisión, tamén presenta a súa candidatura baixo o nome de Cidadáns por Galicia.

Abril:
Un espello xógalle unha mala pasada a Figueiras na presentación da candidatura de Cidadáns por Galicia. Saen publicadas as listas que concorreráns ás eleccións municipais.

Maio:
Xa en plena campaña electoral: debate dos candidatos, os resultados e o nome dos concelleiros. O PSOE é o partido máis votado, que non descarta nada para formalizar un goberno estable; Reboredo ofrécese.

Xuño:
O PSOE, de momento, forma un goberno en minoría e o mes está practicamente monopolizado polo disputado soldo do Señor Alcalde.

Xullo:
Segue o debate do soldo de Dono e hai certa presión para que o PSOE e o BNG acaden un acordo de goberno. Na Fundación de Exposicións e Congresos son días tumultuosos logo do requerimento da Consellería para anular a elección do Xerente.

Agosto:
No PP empezan as mundanzas: De la Calle deixa a portavocía do grupo municipal. Fallo do Tribunal Supremo que permite ao Concello exercer o dereito de retracto sobre a Torre de Guimarei.

Setembro:
O ex-Alcalde no banquiño dos acusados por un presunto delito de prevaricación urbanística. Cúmprense os 100 días de goberno en minoría do PSOE.

Outubro:
PSOE e BNG chegan a un acordo de goberno.

Novembro:
Un Concelleiro do PP amaga con irse para a casa porque el está en política porque llo pediu De la Calle. O Presidente da Xunta fai unha visita á Estrada. Chito Campos non se presenta ao xuízo logo do aprazamento do mes de setembro.

Decembro:
Intereses de todo tipo ao redor da ampliación do Polígono de Toedo. Hai conversas entre Palmou e Reboredo. E para acabar o ano fútbol (sala).

Para remtar, dende o Ruxe-Ruxe na Estrada desexámosvos un feliz ano 2008.

Ampliación Polígono de ToedoArredor da polémica destes días sobre se se debe ampliar xa o polígono de Toedo ou non hai unha serie de intereses contrapostos. Non cabe dúbida de que o polígono debe ampliarse para que se poidan asentar máis empresas, pero hai un problema, o PXOM. Os queren ampliar xa, acóllense ás normas transitorias, pensando que o Plan Xeral tardará algún tempo máis do agardado polo goberno municipal, e tamén se acollen aos intereses privados de certa empresa que pretende crear solo industrial privado.

Os que queren ter solo industrial público queren agardar ata cando se aprobe o PXOM, que será a finais do vindeiro ano, asinado no pacto de goberno entre o PSOE e o BNG. Como curiosidade, e tendo en conta as posturas contrapostas nesta cuestión, os primeiros defenden que o Polígono medre hacia abaixo e outro hacia arriba, quedando no medio o polígono industrial máis feo (de promoción privada e baleiro durante moitos anos, non hai que esquecelo) que hai en quilómetros arredor, a anos luz do Polígono de Lalín, por exemplo.

O pacto entre o PSOE e o BNG para gobernar A Estrada non é ningún segredo e pode consultarse no documento seguinte. En esencia non hai nada que non se dixera xa: o BNG terá a Primeira Tenencia de Alcaldía, que leva aparellada unha dedicación exclusiva, dúas incorporación á Xunta Local de Goberno, dúas presidencias de Comisións e as delegacións de Facenda, Medio Rural, Deporte, Turismo e Participación Cidadán. O PSOE tamén se reserva media dedicación exclusiva, sería para Irene Aguiar Lale, Concelleira de Urbanismo.

Alén disto, no documento asinado hai unha parte bastante extensa referida ao urbanismo, comprometéndose a aprobalo en 12 meses, seguindo unhas pautas que podedes ver no documento citado.

O pacto na prensa de hoxe:

A valoración do PP e de Cidadáns: PP y Cidadáns dicen el PSOE recurre al Bloque al ver que no pudo hacer nada en más de cien días. Aquí queremos destacar as palabras de Reboredo: “Puntualizó Reboredo que Cidadáns se ofreció para garantizar la gobernabilidad, y el PSOE les olvidó una vez que Dono se prestó a negociar sobre su sueldo.

Desde a última vez que fixemos mención ao asunto do PXOM na Estrada, o día 1 de agosto, nada novo baixo o sol. Nada se sabe, ninguén opina nada baixo ese colchón dos 100 días que graciosamente se lle concede ao novo goberno municipal; nin tan sequera opina o, por veces, vehemente Figueiras, Presidente da ACE, que en máis dunha ocasión petaba na mesa para protestar pola tardanza do PXOM.

A día de hoxe, descoñécese cal vai ser a actuación do PSOE nesta materia, as declaracións que Dono foi facendo non clarifican se van cambiar de redactor do plan, se vai seguir o mesmo, se van facerlle axustes, ou cambios, ou se é que o van tumbar e empezar de cero como fixera o PP, se van tardar seis meses, 2 anos ou máis …, os 100 días estanse a esgotar e non lle vai quedar outra ca informar á opinión pública sobre o que van facer.

O que se ía aprobar en 6 meses, despois en un ano, agora desde o grupo de goberno do PSOE dísenos que o PXOM tardará, como moito, dous anos. E por se isto fora pouco, o que máis nos chama a atención é que o PSOE non ten unha idea clara de que facer con PXOM, porque aínda que pareza moi democrático e moi “progre” deixar que os demais opinen sobre o futuro, un Goberno ten a responsabilidade de facer unha proposta de por onde se debe camiñar; para algo o PSOE é a forza máis votada.

E para desviar a atención sobre un tema tan importante como o PXOM, Dono saca o tema das beirarrúas de Codeseda, que segundo parece ían facerse ao chou, que era o xeito de traballar do PP, como xa demostrou nas beirarrúas de Souto de Vea, aínda sen rematar.

E a todo isto, que opina o empresariado local sobre o tema do PXOM? porque non sae Figueiras, Presidente da ACE, reclamando a aprobación XA do PXOM, como facía antes das eleccións?.

Vai alá xa mes e medio da investitura de Dono como alcalde, e a día de hoxe, o que vai pasar co PXOM é unha incógnita sen despexar, malia que era unha das prioridades de todos os partidos. A día de hoxe a persoa que en principio asumiu a carteira de Urbanismo (Irene Aguiar Lale) aínda non exerce formalmente como tal e tampouco convocou a día de hoxe a Comisión de Urbanismo, vital para sacar adiante un documento herdado do PP que se atascou na Consellería de Ordenación do Territorio.

Se o PXOM era unha prioridade que Dono ía solucionar en 6 meses, só lle quedan pouco máis de catro meses para arranxar o documento e adaptalo ás esixencias da Consellería, e a día de hoxe temos noticia de case todo agás de como se vai o tema do PXOM fundamental para o despegue económico do Concello.

Un dos problemas cos que se terá que enfrontar o goberno municial, -e non só o PSOE, xa que este está en minoría-, será a situación na que se atopan centos de veciños da Estrada que mercaron vivendas que non poden ser legalizadas debido a posta en práctica do “ti vai facendo” que se aplicou no noso concello nos últimos 15 anos, e que consistía en construir ao chou ou á lei do maior beneficio posible, á marxe totalmente da legalidade vixente.

Isto provoca que os compradores destes inmobles están entre a espada e parede: compraron eses inmobles e agora non poden ir vivir a eles ou unha cuestión tan simple como empadroarse lles está prohibido. Outro problema é percepción das subvencións solicitadas, que non poden satisfacerse porque non teñen licenza de primeira ocupación, e non o teñen porque eses edificios incumpren a normativa e, algúns casos, é imposible legalizalos sen tirar con todo o edificio ou as modificacións son de tal calibre que os construtores non poden facer fronte a eses arranxos. A situación é tan perversa que hai compradores que están pagando ao mesmo tempo un aluguer, para poder vivir en algún sito, e a hipoteca da súa futura vivenda, que de momento non pode ocupar.

Desde logo esta cuestión é unha verdadeira pataca quente para o goberno municipal que non pode legalizar algo que é a todas luces ilegal, e si o fai, pode vir de volta, ao cabo do tempo, en forma de sentenza xudicial solicitando o derrubamento de determinado edificio ou piso. De todos os xeito, e isto pode ser unha lenda urbana, non sería de todo descabellado que detrás das presións dos propietarios para que ase arranxe esta situación, estean os promotores e os construtores, pasándolle a pataca quente ao goberno municipal.

Na nosa opinión o anuncio da desaparición de documentación do departamento de urbanismo de Concello ten un pouco de interése político e mediático. Se hai se hai desaparición de documentación, o primeiro que hai que facer é avisar ás autoridades e non á prensa, porque estamos a falar de documentación oficial situadas en dependencias oficiais, e a desaparición de documentación ou a manipulación desta é un claro delito.

Alén disto, tampouco sorprende demasiado que haxa influencias e manipulacións externas, porque o PXOM actual está feito en base a uns intereses particulares e non xerais, que beneficien a todos ou a inmensa maioría dos estradenses; por iso de que non debía ser estraño que determinadas persoas entraran no Concello como perico pola súa casa.

De todos os xeitos non será este o último anuncio de chanchullos, manipulacións e desaparicións que vexamos nos próximos días, a fin de contas 15 anos de goberno do PP son moitos anos, e a política de “ti vai facendo” seguro que se trasladou aos despachos e as dependencias municipais sen ningún tipo de rubor.

Páxina seguinte →